Sunday 05 de May de 2024

O Polígono de Sabón é xa propiedade do concello de Arteixo


O presidente provincial felicitouse polos bos resultados “da colaboración entre administracións” para a consecución de algo “que moitos intentaron antes e non lograron”

O polígono de Sabón é propiedade do Concello de Arteixo. Así quedou fixado tras a firma do convenio que tivo lugar esta mañá entre Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña, e Carlos Calvelo, alcalde de Arteixo, coa presenza tamén do presidente dos empresarios do polígono, Manuel Rivas.

Tras a sinatura do acordo definitivo de cesión no Centro Tecnolóxico do parque empresarial, o presidente provincial felicitouse polos bos resultados “da colaboración entre administracións” nunha cuestión que el mesmo definiu como “un reto persoal” porque, segundo dixo, “xa no momento en que chegamos ao goberno da Deputación fixámonos como obxectivo unha maior eficiencia e eficacia na xestión, e iso é o que facemos hoxe ao ceder este polígono a quen o debe xestionar”.

Diego Calvo lembrou que “foron moitos os que intentaron facer isto antes e non o conseguiron”. Neste sentido os tres responsables agradeceron o traballo realizado “tanto polos técnicos da Deputación como polos técnicos do Concello de Arteixo para chegar ao que chegamos hoxe”. Grazas a colaboración de todos eles conseguiuse no “tempo récord” dun ano e medio o que estaba previsto para un prazo máximo de cinco (o protocolo asinouse en xuño de 2013).

O titular provincial entende que “é de sentido común, de pura lóxica, que sexa o Concello de Arteixo o que xestione este polígono, xa totalmente urbano, porque sabe mellor que ninguén das súas necesidades”. “É posible que no momento da promoción deste parque empresarial, no ano 1964, tivera algún sentido que a Deputación da Coruña xestionara estas instalacións. Hoxe, dende logo, non é así”, manifestou Diego Calvo, que afondou no feito de que “isto que estamos a culminar hoxe é un feito histórico para a Deputación, o Concello de Arteixo e toda a provincia”, á vez que resultará beneficioso “tanto para os empresarios como para os traballadores do polígono e tamén para os veciños”.

O convenio asinado esta mañá recolle tamén o plan director das obras que se realizarán nos próximos meses, co obxectivo de que, segundo explicou Calvo, “Arteixo dispoña dun polígono de primeira categoría”. En total, a Deputación financiará actuacións por importe de 6 millóns de euros e que incluirán a mellora de infraestruturas da rede viaria, a rede de pluviais, o sistema de iluminación pública, a creación e delimitación de zonas verdes ou a ampliación da rede de abastecemento e saneamento.

Proceso histórico
Para Carlos Calvelo, este proceso é “un claro exemplo de como teñen que traballar as administracións”: “O máis importante é que todos os implicados abordamos esta cuestión con responsabilidade” e así se logrou un “proceso importantísimo, un feito histórico”.

Ademais, o alcalde destacou que grazas a este acordo “tanto o polígono de Arteixo coma os veciños van ter un subministro de auga en condicións”, porque entre as obras comprometidas pola Deputación se inclúe unha fonte segura de auga potable, algo que se realizará ben mediante a reforma da actual ETAP ou ben mediante un colector de transporte que poida garantir o subministro dun caudal medio de 100 litros por segundo. Ademais, substituiranse as actuais tubaxes de fibrocemento.

Pola súa banda, Manuel Rivas sinalou que “esta é unha gran axuda para os empresarios”. “Estamos ante unha nova era na que estou seguro de que as nosas empresas estarán mellor”, chegou a afirmar, e aclarou que “non foi un traballo fácil lograr esta cesión e chegar a un acordo en tan pouco tempo, pero se logrou coa unión de vontades, a dos empresarios, a da Deputación e a do Concello”. Rivas cree que só este feito xustifica xa todo o mandato de Diego Calvo ao fronte da Deputación da Coruña.